Halobacterium

Halobacterium

Halobacterium sp. cepa NRC-1, cada célula mide uns 5 μm de lonxitude.
Clasificación científica
Dominio: Archaea
Reino: Euryarchaeota
Filo: Euryarchaeota
Clase: Halobacteria
Orde: Halobacteriales
Familia: Halobacteriaceae
Xénero: Halobacterium
Nome binomial
'Halobacterium'
Elazari-Volcani 1957
Especies
Sinonimia
  • Flavobacterium (subgen. Halobacterium) Elazari-Volcani 1940
  • Halobacter Anderson 1954
  • Halobacter
  • non "Halobacterium" Schoop 1935 (nomen nudum)

Halobacterium é un xénero de arqueas da familia Halobacteriaceae.[1] Como o nome do xénero se estableceu antes da división de bacterias e arqueas en dominios distintos, o nome do xénero acaba en -bacterium, aínda que se trata dun xénero de arqueas.

As especies deste xénero teñen metabolismo aerobio e requiren unha alta concentración de sal no seu ambiente; moitas das súas proteínas non poden funcionar en ambientes con baixas concentracións salinas. Crecen con aminoácidos en aerobiose. As paredes celulares destas bacterias son bastante diferentes das que presentan as bacterias, xa que as membranas lipoproteicas ordinarias non funcionan con altas concentracións salinas. Poden ter forma de bacilos ou de cocos, de cor vermella ou púrpura. Reprodúcense por fisión binaria, e son móbiles. Halobacterium crece mellor a 42 °C. O xenoma de Halobacterium sp. NCR-1 foi secuenciado e está formado por 2 571 010 pares de bases e consta de tres moléculas de ADN circulares, que son: un gran cromosoma e dous pequenos plásmidos. A especie Halobacterium sp. NRC-1, foi moi utilizada nas análises postxenómicas. As especies de Halobacterium poden encontrarse en lagos salgados como o Gran Lago Salgado, o Mar Morto, o Lago Magadi, e calquera outro lago ou lagoa con alta concentración de sal. As especies púrpuras de Halobacterium deben a súa cor á bacteriorrodopsina, unha proteína sensible á luz que lle proporciona enerxía química á célula usando a luz do sol para bombear protóns fóra da célula. O gradiente de protóns resultante a través da membrana da célula utilízase para impulsar a síntese da molécula enerxética ATP. Así, cando estes protóns flúen cara ao interior, son utilizados para a síntese de ATP (este fluxo protónico pode ser emulado cunha diminución do pH fóra da célula, que cause un fluxo de ións H+). A proteína bacteriorrodopsina é quimicamente moi similar ao pigmento detector de luz rodopsina, que se encontra na retina dos vertebrados.

  1. Ver a páxina do NCBI sobre Halobacterium. Datos extraídos de "NCBI taxonomy resources". National Center for Biotechnology Information. Consultado o 2014-06-27. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search